Convento franciscano de San Antonio de Herbón: Bien de Interés Cultural BIC

A XUNTA APROBA A INCOACIÓN DO EXPEDIENTE DE DECLARACIÓN COMO BEN
DE INTERESE CULTURAL DO CONVENTO FRANCISCANO DE SAN ANTONIO DE HERBÓN

http://www.lavozdegalicia.es/santiago/2011/10/29/0003
http://culturaeturismo.xunta.es/actualidade/nova.php?id=3134&lg=gal
http://www.inmodiario.com//12830/convento-antonio-herbon.html

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA QUE TIVO LUGAR EN SAN CAETANO, O 27 DE OUTUBRO DE 2011, BAIXO A PRESIDENCIA DO SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

A Consellería de Cultura e Turismo informou ao Consello da Xunta desta resolución, que determina para o convento e o seu contorno a aplicación inmediata e provisional do máximo réxime de protección previsto na Lei de patrimonio cultural. O convento franciscano está situado na parroquia de Santa María de Herbón (Padrón) na denominada Agra de Longara, nunha paraxe de gran beleza natural ao carón do río Ulla, bordeado por un amplo conxunto de ladeiras empinadas cara o leste e oeste A Consellería de Cultura e Turismo informou ao Consello da Xunta da resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, en favor do convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, no concello coruñés de Padrón. A resolución, que será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, será comunicada ao Ministerio de Cultura para a súa anotación preventiva no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural e notificada ao Concello de Padrón.

Coa incoación do expediente procederase á apertura dun período de información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da derradeira publicación oficial da resolución, co fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente. A incoación deste expediente determina a aplicación inmediata e provisional do réxime de protección previsto para os bens xa declarados e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como dos efectos das xa outorgadas. As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, tivesen que realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Turismo. A Lei do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) ten como finalidade esencial protexer, conservar e difundir o legado que constitúe o patrimonio cultural de Galicia e transmitilo ao futuro. Este patrimonio, de acordo co seu artigo 1, constitúeno todo os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, deban ser considerados como de interese relevante para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. Deste xeito, o convento de Santo Antonio de Herbón, situado nunha paraxe de gran beleza natural á beira do río Ulla, podería chegar a adquirir a categoría de ben declarado de interese cultural polo gran valor que lle atribúe a súa propia evolución histórica nestes seiscentos anos de vida. Así mesmo, e atendendo á clasificación establecida na citada lei, tería a consideración de monumento ao se tratar dunha construción ou obra produto da actividade humana, de relevante interese histórico, con inclusión dos mobles, instalacións e accesorios que son parte integrante del, algúns deles destacables polo seu valor artístico, e que constitúe unha unidade singular.

Máis de cinco séculos de historia

O convento está situado na parroquia de Santa María de Herbón, na denominada Agra de Longara, nunha paraxe de gran beleza natural ao carón do río Ulla, bordeado por un amplo conxunto de ladeiras empinadas cara o leste e oeste. A orixe desta comunidade franciscana está relacionada co movemento eremítico dos oratorios franciscanos xurdido na provincia de Santiago a finais do século XIV. Os frades, Gonzalo Mariño e Pedro de Nemancos coñeceron que na freguesía de Santa María de Herbón había un terreo denominado Agra de Longara que reunía todos aqueles elementos que os eremitas anhelaban: soidade e retiro, bosque, auga en abundancia, espazo para horta, etc. Este terreo era propiedade do cabido de Iria Flavia que, o 26 de decembro de 1396, acordou doalo aos frades franciscanos para facer un oratorio seguindo a regula de San Francisco. Neste predio, os freires levantaron no século XV un modesto convento do que apenas quedan restos, agás un pequeno e sinxelo capitel vexetal de labra ruda e debuxo moi sumario. Probablemente, este humilde inmoble constara dunha modesta igrexa coas características estilísticas do chamado gótico mendicante. Sería, polo tanto, unha casa que cara o ano 1450 contaría con sete freires, cunha igrexa pobre e separada dunha horta conventual con arboredo, predios e unha fonte. Xa por estes anos os freires quixeron delimitar as súas propiedades e, en 1491, obtiveron permiso para valala. Deste xeito, quedaban fixados os límites dunha horta intimamente ligada á vida retirada do convento que será, nos séculos XVII e XVIII, un dos valores principais desta casa de retiro, estudo e oración. Estes freires compaxinaron este estilo de vida co traballo a prol dos peregrinos que acudían a Padrón e visitaban o Hospital de Peregrinos desta vila.

A fábrica conventual de Santo Antonio de Herbón estaba formada por unha igrexa de finais do século XVII e primeiras décadas do XVIII, unha sancristía e un amplo edificio, que combinaba as funcións residencias coas de ensino, ademais dunha portería que facilitaba o acceso ao claustro de dúas plantas rodeado de varias dependencias. Cómpre destacar a torre campanario, que amosa unha arquitectura de corte popular con aspecto macizo rematado por un corpo de campás, cada un deles flanqueado por pilastras cun sobrio entaboamento decorado con bolas e remate en cúpula con pináculo.

Durante a Idade Moderna o convento sufriu moitas modificacións. A primeira foi o cambio da primitiva advocación do convento a San Francisco para denominarse, a partir do século XVI, de Santo Antonio de Herbón. Outros cambios viñeron dados polas doazóns territoriais recibidas en 1509 de Fernando Bermúdez de Castro e, xa no século XVIII, dos cóengos de Iria Flavia. Grazas a estas doazóns, o territorio do convento quedou tal e como hoxe o podemos contemplar.

Porén, a finais do século XVII esta igrexa gótica presentaba un avanzado estado de ruína. Ante esta circunstancia, foi totalmente substituída pola actual, a inicios do século XVIII, nun momento crucial para a historia deste inmoble, xa que en 1701 o convento adquiriu a categoría de colexio de misioneiros Propaganda Fide. Esta era unha fundación tipicamente franciscana, con obxectivos de renovación relixiosa regular, vida pastoral intensa e vocación de servir as poboacións tanto de terras americanas como das veciñas Asturias, León e O Bierzo. Deste xeito, a comunidade creceu ata chegar a ter máis de trinta membros, o que fixo preciso agrandar o convento e a súa igrexa. As obras de ampliación, realizadas entre 1705 e 1722, supuxeron unha reconstrución case completa da súa fábrica. Outros espazos a ter en conta neste convento son o adro da entrada que precede á igrexa, onde se atopa unha sinxela imaxe de pedra de San Francisco.

Destacan ademais o claustro co seu cruceiro; os espazos da planta baixa abertos ao patio; a sancristía barroca construída en 1730, considerada unha obra meritoria da arquitectura conventual galega, e o pavillón na honra do arcebispo Martín Herrera.

A imaxinaría conservada constitúe un capítulo sobranceiro da arte galega da segunda metade do XVIII, consta dun conxunto de pezas de extraordinario valor, a meirande parte delas froito do traballo de Xosé Gambino e Xosé Ferreiro, entre outros. Ademais, cómpre destacar todo o conxunto de retablos existente no templo, que amosan a importancia que adquiriu o convento no século XVIII, así como o cadeirado dos freires e o gran órgano. O conxunto complétase con outras pezas de gran valor, como o cadro da Virxe da Guadalupe, realizada en México ou en Quetarao cara a 1734.

Ademais da importancia histórica do inmoble froito da súa propia natureza, morfoloxía e devir histórico, cómpre mencionar que na horta conventual conviven espazos destinados á produción hortofrutícola con outros elementos ornamentais que inciden no valor ambiental ou paradisíaco do lugar. Neste ámbito destaca a célebre palmeira de Palestina que, segundo di a tradición, foi traída desde Xerusalén no século XV por un freire ou, segundo outros, polo trobador Xoán Rodríguez de Padrón. É salientable tamén o estanque, a fonte de San Francisco e a súa alternancia con xardíns, prados, viñedos e froiteiras cunha variada mostra de produtos procedentes dos máis variados lugares.

Criterios para a delimitación do contorno de protección

En relación coa situación do ben, a Dirección Xeral do Patrimonio ten en conta os seguintes valores á hora de definir o contorno de protección máis axeitado:

– As vistas: a localización do ben proporciona unha ampla panorámica visual do contorno e, consecuentemente, o convento tamén pode ser contemplado desde unha zona extensa dos arredores.

– A paisaxe cultural: considérase como valor sobranceiro do contorno a paraxe natural de gran beleza ao carón do río Ulla.

– Outros bens do contorno: alértase da necesidade de controlar as actuacións no contorno da igrexa parroquial de Santa María, declarada monumento histórico-artístico nacional.

Considérase necesario incluír dentro do contorno protexido aqueles lugares directamente visualizados desde o propio ben que posúan valemento patrimonial, de xeito que as accións que sobre eles se cheguen a acometer conten co informe previo da Consellería de Cultura. Isto implica estender a protección ao outro lado do río, xa que en ambas as marxes existe unha notoria presenza de bosque autóctono tradicional. Ademais, a permanencia neste lugar da paisaxe agraria tradicional debe ser estimada positivamente de cara á demarcación do contorno de protección. Búscase a elaboración dun contorno homoxéneo, que garante a preservación deste espazo e a súa contemplación, tanto desde o propio ben como desde os puntos de vista próximos máis frecuentes.

A proximidade entre a igrexa de Santa María de Herbón e o convento de Santo Antonio, require ampliar cara ao norte o ámbito inicialmente considerado. Así mesmo, en relación con estes bens considérase necesario incluír parte do núcleo rural pola conexión directa que ten cos dous inmobles. O resto do territorio afectado pola demarcación, desde o punto de vista de usos do solo, non sofre modificación notable pola aplicación das determinacións derivadas da súa inclusión no contorno de protección do BIC. En todo caso, parece oportuno consolidar esta situación favorable para o patrimonio usando unha ferramenta propia como é o contorno do monumento, superposto a áreas clasificadas como solo rústico. Á hora de demarcar a nivel de detalle o ámbito de protección tívose especial coidado en establecer límites obxectivamente recoñecibles.Deste xeito foi trazada a liña perimetral do contorno sobre camiños e lindes de parcelas.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s